Sunday 12 de May de 2024

Lete Lasa celebra o centenario dun Bergantiños “de todas e de todos” e que suma 588 licenzas, o 85% delas, de base


_Transmite todo o apoio da Xunta de Galicia ao Bergantiños que desde 2009 conta con diversas axudas de preto de 250.000 euros

O secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, participou no acto de clausura do centenario do Bergantiños Fútbol Club celebrado no Pazo da Cultura de Carballo e felicitou ao equipo coruñés por cen anos de historia e de traballo que posibilitan que hoxe o Bergantiños se teña convertido “nun fenómeno de todas e de todos”. Neste sentido, Lete Lasa, cifrou as licenzas deportivas dos vinte equipos do Bergantiños -unidas ás dos 14 equipos do seu filial, as Escolas Luis Calvo Sanz- nun total de 588 licenzas federativas, das cales, o 20% (106) son femininas e o 85% (497) están designadas á base.

Deste xeito, o mandatario galego recordou algunhas das xestas máis importantes na historia do Bergantiños e lembrou a calidade e a valentía de xogadores como Alvarito, Manoliño, Crespo ou Arsenio Iglesias, que acabouse convertendo en lenda do Deportivo e tristemente desaparecido tamén neste 2023. Hoxe, dixo, “grazas a todo o traballo realizado no deporte galego e tamén aquí, en Carballo, o nome máis se canta nas Eiroas xa non é o dun home, senón o dunha muller”. Así salientou a figura de Elena Vázquez como “a perla da canteira do Bergantiños” que xa foi chamada pola selección española sub 17.

Por último, Lete Lasa transmitiu todo o apoio da Xunta de Galicia ao Bergantiños que desde 2009 conta con diversas axudas de preto de 250.000 euros. Neste intre, os dous equipos absolutos do Bergantiños -tanto o masculino como o feminino- son líderes en solitario das súas respectivas divisións -Tercera Federación e Primeira Galicia- polo que manifestou o seu convencemento de que a tempada do centenario poderá ser celebrada con dous ascensos.